Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

As présas

El presidente del Gobierno, Pedro Sánchez y la presidenta de la Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, en Chipre.

0

Teño debilidade polas películas de estafadores, coido, porque me marabilla a habelencia coa que enredan as vítimas cunha retórica imposíbel mentres lles baleiran a carteira. Para que o calote funcione, é fundamental imprimirlle ao conto unha sensación apremante, que a vítima non teña tempo de parar a pensar no que está a acontecer. Lembro a escena inicial da película arxentina Nueve Reinas, na que a dependenta dunha tenda de gasolineira repite entre saloucos “me hizo un truco, me hizo un truco, me sacó la plata” cando se decata de que o personaxe interpretado por Gastón Pauls lle chuleou un billete de 100 pesos pero sen ser aínda quen de explicar como o fixo. Cando era camareira un rapaz tentou facerme unha xogada parecida, coa sorte de que eu xa estaba advertida por unha amiga que traballaba noutro bar, e así e todo a única forma que tiven de evitalo foi afastar o tipo da barra e mandarlle calar mentres contaba o troco amodo e comprobaba todos os pasos. Para as que non temos esa axilidade mental, a única forma de evitar o calote é parar, silenciar o ruído, e contar cos dedos a ver se con sorte nos decatamos de onde está a trampa.

Hai por volta dun mes, Donald Trump pedía que os países membros da OTAN aumentasen o gasto militar até un 5% do seu PIB, e Europa respondeulle con certa contundencia -para os tépedos parámetros da UE- por achar as súas esixencias disparatadas. O SPD alemán denunciou vehemente que o mundo non necesitaba máis armas, e mesmo os liberais apuparon o multimillonario americano por tentar aumentar os dividendos da industria das armas do seu país a base de ultimatos. En España, xornalistas e opinadores saíron con marionetas de calcetín nas mans a explicarnos que os países europeos cremos no estado do benestar e non na escalada armamentística.

Pasou pouco máis dun mes, no que Trump seguiu a ser igual de amigo de Putin que cando fixeramos chufa da súa ocorrencia, e de súpeto amenceu Europa vestida de camuflaxe. Ursula Von der Leyen, a señora da guerra europea, anunciou un plan de rearme de 800 billóns de euros, supostamente para non ter que dependermos dos EUA en asuntos de defensa. E eu que pensaba que para iso estabamos na OTAN. O mesmo SPD alemán ao que hai un mes lle sobraban as armas no mundo votou no seu parlamento levantar o límite de débeda para comprar moitas máis. En España, a maioría do Parlamento rexeitou unha moción do BNG para se opoñeren ao aumento do gasto militar, e Pedro Sánchez só ve un problema semántico na escalada bélica. Mellor chamarlle doutro xeito, que aquí a mili aínda ten mala prensa. Para tranquilizalo, Von der Leyen fala agora de “preparación” para evitar a guerra, unha táctica que xa usarara Woodrow Wilson para expandir o gasto militar nos EUA ás portas da Primeira Guerra Mundial e que, como sabemos, non evitou que despois entrasen na guerra nin que os bancos americanos se forrasen cos préstamos que Wilson precisou para poñer en marcha a tal preparación.

No prazo dun mes, saíron outra vez os tertulianos coas marionetas de calcetín a chamarnos imbéciles e maniqueos por contrapoñer o investimento en servizos públicos co gasto militar, cando foi o mesmísimo secretario xeral da OTAN quen nos pediu sacrificar pensións e sanidade para poder financiar o rearme. Se cadra son unha ilusa, pero o que máis me preocupa estes días, moito máis que a posibilidade do exército ruso cruzar os Ancares, é ver como amigos e veciños lle compran á propagandista europea do Estado xenocida de Israel o mesmo discurso que lle rexeitaran a Trump. Leo comentarios nas redes a medio camiño entre a belixerancia e o paternalismo máis insoportable, atacando a calquera que manteña o discurso antimilitarista, como Néstor Rego no Congreso. Se non somos uns pánfilos somos uns tarados, ou axentes a soldo de Moscova, que era algo moi gracioso cando a que acusaba era Ana de Bande, pero agora seica algúns empezan a pensalo de verdade.

Polo que for, agora o tempo aprema máis que hai un mes. Nunhas semanas, Von der Leyen e a súa maquinaria propagandística enredáronnos coa pantasma da indefensión e conseguiron que os parlamentos europeos lles lancen os cartos á cara sen preguntarse por que se pode levantar o límite de débeda para sufragar armas e non para todo o demais. Supoño que a alguén debe beneficiar, pero a tal hora no único que podo pensar é na ansia coa que a presidenta da Comisión nos aprema mentres fala sen parar de seguridade e resiliencia, e temo que nalgún momento acabaremos berrando entre saloucos porque nos fixo un truco e nos sacou a plata.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats