Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A aldraxe de Europa

El presidente del Consejo de la UE, Antonio Costa, el presidente de Ucrania, Volodymyr Zelensky, y la presidenta de la Comisión Europea, Ursula von der Leyen en Bruselas.

0

A fervenza de tomas de postura, declaracións e accións do presidente estadounidense son unha modalidade da doutrina militar de shock and awe -conmoción e pavor- que ten coma finalidade deixar abrumado ao antagonista cunha demostración de forza espectacular. É tal o cúmulo simultáneo de iniciativas que Trump pon sobre a mesa que os seus interlocutores quedan desconcertados, como unha lebre ante os faros do coche, no afortunado tropo de Antoni Puigverd. Que é o que se busca. Ou iso supoño. Porque tamén pode suceder que sexa inútil buscarlle un sentido ao mero despropósito. Un xa non sabe en que mundo vive. Con tantas curvas un xa se marea.

Agora ben, pode atoparse un fío conductor que sirva para entender a súa lóxica? Tal vez simplemente hai que deixar de interpretar, de facer wishful thinking, para escoitar as súas palabras. A súa principal preocupación, que comparte con boa parte do establishment estadounidense, é evitar a perda da súa hexemonía.

De feito, unha de dúas, ou Trump non ten un plan ou Trump ten un plan. Se non o ten, se estamos ante un goberno friki que dispara en todas as direcións sen sentido, convén sabelo, dado que a imprevisiblidade encerra grandes perigos. Se ten un plan, hai que saber deseñar as súas liñas de forza. Os camiños que pensa percorrer. Dende logo, a sensación de incerteza é absoluta ata o punto de que unha figura con tanta experiencia como Adam Przeworski escribe: “Non podo atopar categorías para entender o que sucede”.

A maior parte dos observadores xulgan que o que busca Trump é separar a Rusia da China, tal vez en aplicación da idea do xeógrafo Harold Mackinder, un dos fundadores da xeopolítica, do Heartland: “Quen goberne en Europa do Leste dominará o Heartland. Quen goberne o Heartland dominará a Illa Mundial. Quen goberne a Illa Mundial controlará o mundo”. Talvez non sexa ocioso lembrar que, en 1944, o Estado Maior británico temía non que a URSS ocupara a Europa do Leste, cousa que era xa un feito consumado, senón que puidera arrastrar Alemaña cara a súa órbita, e, así, dominar o continente. A división de Alemaña foi unha consecuencia dese posicionamento estratéxico.

Ante a evidencia do declive relativo dos Estados Unidos, Trump parece buscar relacións con Rusia máis fluídas co obxectivo de gañar a batalla comercial e tecnolóxica coa China. Quere separar a Rusia de China. Divide e vencerás: ten todo o sentido do mundo. Negocia con Modi, o líder da India, como o fará con calquera, incluído calquera país dos BRICS. E, ao final, é de supoñer, intentará un modus vivendi coa propia China, o antagonista principal. O que parece buscar é unha xeometría variable favorable aos seus intereses. E iso implica distanciarse da Alianza Occidental, ir a un mundo de reparto de esferas de influencia. Digo parece porque os xiros de guión no escenario mundial son tan rápidos e extremos que a saber o que sucederá. Un só pode construír hipóteses.

É probable que a rechamante reación da UE e mesmo da Gran Bretaña ao xeito en que Trump aldraxou a Zelensky teña como causa o medo a que, como o expresaba nun estupendo artigo Xavier Ferrás: “E se, en lugar da competición estratéxica entre os novos imperios, asistimos a un escenario de cooperación estratéxica entre eles? Que sucede se pactan para repartirse o mundo? Groenlandia para EE.UU., a Ucraína para Rusia, Taiwan para China. Agora si, Europa enfrontaría unha ameaza existencial”.

É evidente que Trump xulga que a Unión Europea carece de autonomía pero sorprende o modo en que desprezou as formas. Ninguén esperaba que os estadounidenses fosen tan explícitos no seu desdén da UE. A propia OTAN queda tocada. Existe un nexo entre o provocador discurso de J. D. Vance en Munich e a exclusión da UE das negociacións sobre a Ucraína. Resulta todo un espectáculo que a UE teña que demandar un papel no destino da súa fronteira leste. Tamén iso é unha aldraxe.

Non parece moi crible que, no caso de que Estados Unidos e Rusia, pacten a fin da guerra -cousa que aínda está por ver- Europa vaia continuar con ela polos seus propios medios. De modo que o plan de Ursula Von der Leyen de artellar unha defensa europea hai que entendelo máis ben como unha resposta a medio prazo. Trátase de gañar autonomía estratéxica para un mundo no que a UE e os Estados Unidos poden quedar disociados e no que, por tanto, o continente estaría obrigado a ter unha forza de disuasión propia.

Se volvemos a unha política de reparto de esferas de influencia, a UE terá -ou tería- que intentar non verse obrigada a escoller. A súa economía non é unha illa, de modo que, aínda reindustrializando o continente, aínda desenvolvendo alta tecnoloxía, precisaría poder negociar ben con China, ben con Estados Unidos e, por descontado, co resto do mundo en función dos propios intereses.

Non hai nin que dicir que a Unión Europea representa un modelo social e económico que é, se non óptimo, o menos malo do mundo. Tamén é o continente no que a democracia liberal, con todas as súas imperfeccións e retrocesos, está máis garantida. Non é o país das marabillas -lembremos a súa posición en relación a Gaza- pero para calquera demócrata progresista sería un drama a súa desaparición. As comunidades políticas resultantes serían máis duras e autoritarias, non menos.

O peor sería que Rusia e Estados Unidos intentasen dividir e debilitar Europa, o continente woke, social e democrático para promover o seu horizonte reaccionario e ultraconservador. Pode pasar. Europa significa un pouquiño de Kant -regras e moralidade- nun mundo cada vez máis hobbesiano e determinado pola forza. Se a UE non consegue elaborar unha posición común pode entrar en zona de risco. Non anima o feito de que, lonxe da neutralidade, a presidencia dos Estados Unidos está sendo usada como unha panca para impulsar os partidos da extrema dereita europea.

O trumpismo traballa na redefinición do mundo e xulga que este é o seu momentum, a oportunidade que non pode desprezar. AfD contou con Musk na súa campaña electoral, aínda que o resultado cortou, polo momento, o desexo de Washington de reorientar ós alemáns. Pero a súa é unha corrente que é xa decisiva ou está no goberno en Suecia, os Países Baixos, Italia e Hungría. O trumpismo europeo agarda que Le Pen acceda ao poder en Francia. Tamén na expresión electoral Europa está noutra era. Abonda con mirar os equilibrios presentes no Parlamento Europeo.

Pero non é esta a única ameaza. Branko Milanovic, un economista que sabe de Historia, suxeríu que cabe a posibilidade de que Trump poida resultar ser o Gorbachov dos Estados Unidos: o presidente que lle abre a porta á desintegración do Imperio. Atención, non sería para alegrarse, polo caos planetario que podería provocar, pero pode que a combinación da panoplia de aranceis de Trump e o esforzo de Musk para que o Estado sexa gobernado por unha alianza de geeks e ultraconservadores sexa un tiro pola culata. Hoxe en día, nada se sabe.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats